O Rosal quenta voces para acoller a décima edición do Concerto Coral Ecos do Verán, unha década na que o coro “Ecos do Folón” aproveita a época estival para levar a música coral a todos os públicos. A actuación será este sábado 29 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde, un espectáculo no que o público poderá desfrutar da música da coral rosaleira acompañada pola Coral A Torre de Maside (Ourense) e a Coral Renfe de Monforte de Lemos (Lugo).
A Coral Polifónica “Ecos do Folón” naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 30 voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.
O sábado sorprenderá ao público cun repertorio que incluirá “Ciranda da rosa vermelha” de Alceu Valença con arranxos de Tom-K, “El peregrino” de A. López García, “El vals de los quince años” de Agustín Minotti con arranxos de Roberto Goldar, “Casiñas brancas” do Grupo Lareira con arranxos de Jorge Fernández González e a popular “Eu caseime por un ano”, tamén con arranxos do mestre compositor Jorge Fernández.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela.

