O Concello de Nigrán abre un novo prazo para inscribirse no primeiro campamento municipal que se ofrece no mes de agosto. A inscrición comezará o día 26 de xuño e finalizará o día 2 de xullo. Os formularios e as propias bases poden recollerse no Centro de Información ás Mulleres, na Oficina de Atención Cidadá do Concello ou descargarse no taboleiro de anuncios da web municipal.
O Concello de Nigrán ofrece por vez primeira un campamento municipal no mes de agosto que se engade ao tradicional de xullo, cuxo proceso de inscrición xa rematou. Este novo “Campamento de Verán II 2024” ten tamén como obxectivo favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar da veciñanza.
O campamento dispón de 60 prazas e está destinado a nenos e nenas empadroados en Nigrán con idades comprendidas entre os 3 e 11 anos, desenvolvéndose desde o día 2 de agosto ata o día 30 de agosto, de luns a venres, no CEIP Humberto Juanes.

