Sin categoría

Escolares de Baiona desfrutan da “Semana Azul”

Escolares de Baiona comezaron esta mañá as xornadas da Semana Azul que organiza a Concellería de Deportes e a de Actividades Marítimas no marco da súa campaña escolar de fomento dos deportes náuticos. As pequenas e os pequenos iniciaron hoxe a primeira das tres xornadas que se desenvolverán na Praia Ribeira.

Realizaranse xornadas continuas onde os participantes pasarán desde as 11:00 ata as 18:00 horas realizando deportes náuticos, facendo unha breve parada ao medio día para tomar un bocadillo e repoñer forzas (de 14:00 a 15:00 horas). O día 26 de xuño está dirixido a escolares de 8 a 10 anos, o día 27 a escolares de 11 a 12 anos e o día 28 a escolares de máis de 13 anos.

A campaña conta coa colaboración de entidades como o Monte Real Club de Yates de Baiona, BayBay Surf, Baiventura Galicia, ADN Rías Baixas, Prado Surf e Coca-Cola, grazas aos cales é posible realizar un proxecto de tanta envergadura e importancia como o que se deu inicio esta mañá.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, a Concelleira de Deportes, Ana Iglesias Rodríguez, e o Concelleiro de Actividades Marítimas, Joaquín López Goce, achegáronse ata a Praia Ribeira a visitar aos e as participantes e a coñecer de primeira man as súas impresións acerca da actividade.

Entre as actividades que están a gozar os escolares na “Semana Azul” atópanse a vela lixeira, surf, pádel surf, piragüismo, kite surf e windsurf. Unha oportunidade única para gozar do turismo deportivo, do mar e de Baiona.