Sin categoría

Deteñen a tres persoas por tráfico de drogas ao descubrir unha plantación interior de marihuana

A Garda Civil do Porriño detén a tres persoas, por un delito de tráfico de drogas ao descubrir unha plantación de marihuana interior con todo o seu sistema de temperatura e ventilación.

Un deles ten alugada unha vivenda en Mos onde leva a cabo a comisión do delito contra a saúde pública (tráfico de drogas), e os outros dous son amigos deste que colaboran nos labores da plantación.

O operativo desenvólvese tras unha chamada anónima, que propicia unha vixilancia nas inmediacións da vivenda e a identificación do arrendatario, o cal consente voluntariamente o acceso á casa, polo que se procede a realizar a entrada e rexistro da mesma e confírmanse as sospeitas, ao atopar a plantación.

Incáutanse 184 plantas de marihuana, 10 bolsas de cogollos envasados, cun peso aproximado de 5 kg e diferentes aparellos eléctricos e electrónicos necesarios para levar a cabo a mesma plantación (lámpadas, medidores de temperatura e humidade, sistema de ventilación, filtros etc).

Os tres detidos, dous homes e unha muller, de 39, 40 e 27 anos son trasladados ao cuartel da Garda Civil do Porriño onde se investigan por un suposto delito de tráfico de drogas. Os dous amigos, un home e unha muller de 40 e 27 anos, veciños de Vigo atópanse en situación irregular en España, polo que se pon en coñecemento da Policía Nacional.

Posteriormente quedan en liberdade en sede policial, pendentes da citación por parte do Xulgado de Instrución do Porriño.