“Parte de ti” celebra o seu quinto ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.
A presentación tivo lugar está mañá ás 11:30 horas na Abadía do Pelouro e contou coas intervencións de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui e Ana Núñez, a tenente alcalde; da representante institucional do Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, e alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal; da presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez; do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo e de Antía Vargas, Uxía Benlloch e Nuria Benlloch, as protagonistas da historia que abrirá a campaña e que levan a cabo o seu proxecto Las Flores de Greta.
Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Nuria Benlloch, Uxía Benlloch e Antía Vargas (https://partedeti.eurural.gal/historias/nuria-benlloch/) de Las Flores de Greta, un proxecto no cal traspasan os pigmentos naturais das follas e flores a tecidos de orixe orgánica mediante o ecoprint, un proceso artesanal que utiliza as cores da natureza creando pezas únicas cheas de vida.
“Rural para nós chámase Morgadáns. Morgadáns foi, e segue sendo, a volta ao contacto cunha vida máis real, coa natureza, co recoñecemento de especies e flores, o transcurso das estacións e os cambios na paisaxe e á presenza e á aprendizaxe a todos os niveis”, sinalou Antía Vargas de Las Flores de Greta.
Ademais da historia de Las Flores de Greta (Gondomar) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos como A Tenda do Avó (Redondela), La Parabólica (O Porriño), Taller de Dulces Óscar Romero (Tui), Angulas Río Miño (Tomiño), La Casa Taller (A Guarda), Lorena Luthier (Soutomaior), Papelier (Baiona) e Niño do Corvo (O Rosal).
Poderanse visualizar estes vídeos na web https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de EuRural (@eurural_gdr14).
A Asociación de Desenvolvemento (Galicia Suroeste EuRural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio. Esta mesma entidade xestiona o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no que incorpora nas súas actividades ao concello de Soutomaior.
O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxa financiación procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural. Nesta edición o proxecto tamén se financia en parte a través do convenio de colaboración entre o Xeodestino e Turismo de Galicia.
“Sumando estas 10 novas historias de 2024, temos creado xa unha importante rede que aglutina a 50 empresas e persoas emprendedoras que xa son Parte de Ti”, destacou Sandra González, presidenta do GDR e alcaldesa de Tomiño. “O rural non debe ser só un lugar romantizado senón un foco de innovación e recoñecemento”, dixo Agustín Reguera Ocampo, delegado da Xunta en Pontevedra.



