Sin categoría

Nigrán repartirá sacos para o lixo entre os asistentes ao San Xoán

O Concello de Nigrán sumará ao dispositivo de vixilancia sen precedentes durante o San Xoán a un equipo concienciador a pé de Praia América-Panxón para disuadir de que se caven grandes buratos. Deste xeito, desde o mediodía, unha decena de voluntarios pertencentes a Amigos da Terra percorrerán o areal con sacos que entregarán aos grupos de asistentes ao tempo que lles informan do dano que supón deixar lixo ou cavar buracos (máis alá das multas económicas que están contempladas). O obxectivo é que depositen nestes sacos todos os residuos que xeren durante a noite e que, ao rematar, os deixen nos contedores dispostos nas entradas á praia. “Este San Xoán en Nigrán… Sen lixo e sen buratos” é o lema co que está serigrafiada esta gran bolsa facilitada desde PreZero, a concesionaria do servizo de limpeza no municipio.

“Unha única noite de festa mal entendida para o ecosistema supón moitísimo máis tempo de rexeneración. Imos explicar aos asistentes que a zona dunar é un sitio especialmente fráxil, con especies que sobreviven en condicións extremas, polo que unha simple pisada ou a achega de lixo altera ese equilibrio con graves consecuencias. Quedan moi poucas zonas dunares e hai que conservalas; antes de chegar a solucións extremas hai que dar unha oportunidade ao camiño intermedio”, explica Antón Lois, portavoz de Amigos da Terra.

“Despois de tres anos coa campaña de concienciación #SanXoanSenLixo nesta edición damos un paso máis prohibindo facer buratos, así que non ten sentido vir ao areal con pas. Festa si, pero con respecto ao medio ambiente”, advirte o alcalde, Juan González.

Este ano a recomendación transformase en prohibición, así, por vez primeira acudirá a Unidad Pegaso da provincia de Pontevedra ampliada con axentes desprazados ex-profeso desde a unidade central de Madrid co obxectivo de vixiar con drons todo o areal e incluso as calas máis afastadas de Monteferro ou Lourido. Máis de 200 persoas entre Policía Local (Policías Locais de Ponteareas, Vigo, Tomiño, Gondomar, Porriño, Baiona, Redondela, A Guarda e Bueu únense ao dispositivo de seguridade), Garda Civil, Seprona, Policía Autonómica, GES, Protección Civil e axentes de Tráfico traballarán coordinados para que a festa transcorra sen incidentes e, sobre todo, para acabar coa costume dos últimos anos de facer grandes buratos.

Por iso, ao tempo que traballa o equipo concienciador, desde o mediodía tamén estará Protección Civil controlando os diferentes accesos ao areal para que non se entre con calquera aparello que sirva para facer buratos ou grandes fogueiras, informando á Policía Municipal en caso de que sexa necesario e repetíndose esta mensaxe por megafonía desde o sábado. As multas por desobedecer ascenden de 100 € a 3.000 € en caso de ser leves e ata 200.000 € de ser catalogadas como graves, xa que poden estar infrinxíndose desde leis de conservación deste espazo natural protexido a leis de seguridade cidadá, podendo incluso incrementarse moito a contía. Paralelamente, os drons da unidade Pegaso estarán funcionando desde primeira hora da tarde para detectar aos grupos que, pese ás advertencias, desobedecen a norma.

“A mocidade ten que saber xa antes de acudir que este ano será diferente en Nigrán, poderase festexar o San Xoán pero sen cavar buratos que atentan contra o noso patrimonio natural. Este ano estará vixiado, controlado e multado”, engade o alcalde, quen apela a que cada grupo recolla o seu lixo. “Podemos facer ben a festa sen afectar ao noso ecosistema natural, non está rifado, e iso é o que debemos esixir”.

A maiores, como vén sendo habitual, a zona deportiva de Gaifar contará cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero e, como cada ano, as dunas quedarán pechadas perimetralmente para impedir o paso e iluminadas para mellorar a vixilancia, con unidades do Seprona colaborando. A Garda Civil de Tráfico “blindará” o municipio con controis de alcoholemia para impedir que ninguén conduza baixo o efecto do alcohol ou outras substancias, aspecto este último que vixiará especialmente a Policía Nacional.