Sin categoría

O 57º Rallye Racalvi Rías Baixas como exemplo a seguir

A sede da Fundación Recalvi acolleu este xoves a presentación oficial do 57º Rallye Recalvi Rías Baixas, que sete anos despois volve formar parte da elite dos rallyes a nivel nacional, como é o Súper Campionato de España de Rallyes. É a gran novidade que presenta esta nova edición e do que máis se congratularon os asistentes á rolda de prensa. O acto contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, o secretario xeral de deportes da Xunta, José Ramón Lete, a deputada provincial Luisa Sánchez, o concelleiro de deportes Manel Fernández; Juan Estévez, relacións institucionais da Real Federación Española de Automobilismo e representantes das empresas patrocinadoras, membros das policías locais e garda civil e do comité organizador.

Precisamente foi o director xeral de Recalvi o encargado de abrir o acto e lembrar como se xestou o regreso do “Rías” tras dous anos sen poder disputarse por problemas económicos. “Foi fai cinco anos no palco de Balaídos. Alí tiven a sorte de compartir un intre co alcalde, faleille do proxecto e de forma inmediata comprometeuse a apoialo. A partir de aí, co traballo incansable da Escuadra e o apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia conseguimos sacalo adiante e volver posicionalo na elite, da que nunca debería saír”, asegurou Chema Rodríguez.

O representante da Federación española de automobilismo, pola súa banda, cualificou de “auténtico luxo” o feito de que a proba puidese xuntar ás tres máximas institucións (Xunta, Deputación e Concello de Vigo), “porque dá valor ao traballo dos organizadores”, do que ademais destacou a súa “constancia e calidade por poder superar a crise vivida en 2016 mantendo o mesmo nivel organizativo de sempre”.

“Un evento da categoría deste rallye non debería sufrir esa falta de apoios, por iso celebro que volva á elite”, asegurou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra Luisa Sánchez. “E é que non só é espectáculo senón que vertebra a provincia, pon en valor a Vigo e ao resto de concellos polos que pasa”, sentenciou.

O secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, destacou a “lonxevidade e singularidade” do Rías, lembrando que se trata de “a proba automobilística máis veterana de Galicia”. E ademais de ter palabras de eloxio para os organizadores quixo agradecer o apoio de Recalvi, non só co rallye senón con outros deportes e clubs aos que axuda economicamente.

Abel Caballero, alcalde de Vigo, tamén destacou a importancia que ten para o desenvolvemento do deporte o apoio de empresas como Recalvi, “a cooperación entre o público e o privado fai que se cre cultura deportiva e poidan xurdir eventos con tanto arraigamento e historia como é o Rallye Rías Baixas”. Ademais, mostrou o seu desexo de que o próximo ano recupérese o tramo urbano do Castro.

Tres días de espectáculo, con participación de luxo

O Rallye Recalvi Rías Baixas celebrarase do 4 ao 6 de xullo. Arrancará coa xa tradicional cerimonia de saída na céntrica rúa Policarpo Sanz de Vigo e a firma de autógrafos dos principais pilotos, a última hora do xoves, e o venres comezará a competición. Pola mañá, os equipos prioritarios disputaranse a orde de saída no tramo cronometrado de clasificación, que terá lugar nas inmediacións do Monte Alba e xa pola tarde celebraranse os dous primeiros tramos, a dobre pasada, dos cinco nos que se poñerá en xogo a vitoria deste “Rías”. Nesa primeira xornada o espectáculo desprazarase á zona norte da provincia, coa especiais de Ponte Caldelas e Cotobade, cunha parada de reagrupamento na praza de España de Ponte Caldelas entre seccións. Ao finalizar a xornada os vehículos pernoitarán no parque pechado de Policarpo Sanz.

Xa o sábado os participantes deberán afrontar os tramos Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño e Salceda a dobre pasada. Ademais, haberá controis de paso nesas localidades e un reagrupamento en Porriño. A cerimonia de entrega de trofeos está prevista para as 20 horas dese mesmo sábado no podio situado no centro de Vigo. Como en edicións anteriores, nas inmediacións da praia de Samil, estarán situadas as asistencias e os parques de traballo dos equipos. En canto á participación, o comité organizador do rallye espera contar coa presenza de máis de 80 equipos xa que ao atractivo que sempre ten correr esta proba súmase o feito de que o 57ª Rallye Recalvi Rías Baixas será puntuable para os cinco trofeos monomarca que forman parte do nacional de rallyes; a Clio Trophy Spain de Renault, a Peugeot RallyCup Ibérica, o Desafío Peugeot, a Toyota Gazoo Racing Iberian Cup e a nova copa i20N Rally de Hyundai.

“Somos o único rallye do Súper Campionato de España onde van estar presentes todas a copas monomarca e iso debémosllo ao apoio das institucións e patrocinadores, como Recalvi, CdeC, Amura, Rodosa e Rofervigo, entre outros”, recoñeceu o presidente da Escuadra Rías Baixas. Un Fernando Mouriño que tamén tivo palabras de agradecemento para os máis de 500 voluntarios que fan posible o rallye así como para o traballo das policías locais e garda civil dos distintos concellos.