Sin categoría

A Festa da Lagosta vai máis aló da gastronomía con música e actividades de todo tipo

Apenas faltan tres semanas para a XXXII Festa da Lagosta, que arrancará o venres 5 de xullo co pregón de Luis Zahera ás 20:30 horas na Praza do Reló. Tras ese acto haberá un pasarrúas co grupo Bregadiers, e non será o único da festa, pois o sábado e domingo pola mañá, Trebón dos Xidos e A Boalleira, respectivamente, serán os encargados de levar a música polas rúas. Pola tarde non cesa a música con Brassica Rapa o sábado e con Broken Peach o domingo, ambos a partir das 20:00 horas. Á noite do sábado chegará o grupo Gin Toni’s, que interpretarán versións de clásicos pop e rock desde as 23:00 horas.

A asociación Piueiro terá un papel destacado na festa. O volanteiro arrancará a súa oferta de saídas de navegación deste verán con saídas o sábado e domingo ás 16:30, 17:30 e 18:30. Toda a información e reservas estará dispoñible no punto de información da carpa. Ademais, Piueiro presentará o evento que se producirá a seguinte fin de semana no porto da Guarda: a Xuntanza mariñeira Rosegha. Trátase dunha xuntanza de embarcacións tradicionais, pero que traerá consigo outras actividades que se explicarán o sábado 6 de xullo no Auditorio de San Bieito, ás 20:30 horas.

Para un lecer en familia, o xogo dixital de escapismo ao aire libre “Esencia mariñeira” (Eureka Reto Cultural) seguirá dispoñible ata o domingo 14 de xullo. O acceso ao reto está dispoñible en http://www.riadevigobaixomino.gal.

As actividades habituais non cesan, polo que haberá visitas guiadas ao Castro Santa Trega de balde. As visitas, de 45 minutos de duración, realízanse desde a casa forestal do monte de martes a domingo cos seguintes horarios: 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00. Nin o reto nin as visitas precisan de inscrición previa.

A Festa da Lagosta ten sona por toda Galicia e norte de Portugal. Tal é o interese que este ano será o escenario do programa en directo “Aquí Portugal”, unha colaboración da TVG coa RTP. O programa gravarase durante toda a xornada do domingo desde as once da mañá ata as oito da tarde, cun descanso de dúas a catro da tarde. Será unha fin de semana completa na Guarda: gastronomía, música, lecer e mar uniranse no porto. Todo o programa está na páxina web: http://www.langosta.turismoaguarda.es.