Sin categoría

Nigrán crea unha senda peonil segura de acceso ao CEE Juan María

O Concello de Nigrán vén de mellorar a seguridade viaria na contorna do CEE Juan María de Parada asfaltando o seu acceso desde a rúa das Agullas e creando unha beirarrúa de formigón pulido onde antes non existía ningún espazo definido para peóns. A iniciativa forma parte do novo plan de asfaltados do Concello que abrangue 33 rúas de todo o municipio cun investimento de 515.353 € a cargo do Plan Concellos 2022. Neste caso, a instalación dunha beirarrúa foi posible grazas á cesión que realizaron todos os propietarios das leiras lindeiras. “A creación de camiños escolares seguros forman parte do noso ADN como goberno, xa no 2016 o fixemos co CEIP Humberto Juanes para incentivar os desprazamentos a pé e seguiremos así porque é a nosa prioridade en termos de mobilidade”, explica o alcalde, Juan González.