A Escuadra Vigo Clásicos informa que está aberto o prazo de inscrición do XV Rally das Donas para vehículos clásicos, compostos por equipos exclusivamente femininos. Este ano como novidade organiza tamén o primeiro Roteiro de Verán para vehículos clásicos, que transcorre paralelo ao XV Rally das Donas. Este ano terán modalidade de Regularidade e tamén de Roteiro.
O roteiro terá lugar o sábado 13 de xullo e contará cun percorrido de 120 quilómetros aproximadamente. Os vehículos concentraranse desde as 14:30 horas na terraza do aparcadoiro do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, desde onde será a saída ás 16:30 horas. Finalizará no Casino de Sabarís, onde se celebrará a tradicional Festa de Verán. Tamén gozarán dunha gran cea baile amenizada polo grupo “Club Naval”. Por razóns de espazo, o roteiro estará limitado a 50 persoas (aproximadamente 25 coches).
No roteiro poderán participar vehículos clásicos de máis de 30 anos de antigüidade que irán detrás dun vehículo guía ou cabeceira.
Será un percorrido moi completo que transcorrerá polos municipios de Vigo, Nigrán, Gondomar, Oia, Tui, Tomiño, O Rosal e Baiona. Durante o percorrido gozarán de paraxes como o do Rosal, onde visitarán a adega Adegas Valmiñor ás 18.30 horas. Realizarase unha parada en Esculturas RAI, onde se poderán observar as diferentes esculturas que se realizan con todo detalle. Tamén se fará unha parada no Alto da Groba, para continuar cara Baiona onde terminará no Casino de Sabarís ás 20.40 horas.
Para calquera dúbida, os interesados poden poñerse en contacto coa Escuadra Vigo Clásicos a través do email escuderiavigo@gmail.com ou o teléfono 609782386.

