Sin categoría

Pesar en Baiona polo falecemento de Mauri Vilar, ex concelleiro do PP

Este luns faleceu aos 54 anos de idade Mauricio Enrique Vilar Pereira, máis coñecido como “Mauri”. Fillo de Antonio de Mauricio, lembrado correspondente de Faro de Vigo, Atlántico Diario e El Correo Gallego.

No 2019 concorreu ás eleccións municipais como número 6 da candidatura do Partido Popular liderada por Ángel Rodal, formando parte da Corporación como concelleiro da oposición ata o pasado ano 2023, durante o goberno tripartito encabezado por Carlos Gómez. “Desde o Partido Popular de Baiona trasladamos o noso máis sentido pésame a todos os seus familiares e amigos”, sinalaron os populares.

Tamén foi presidente da Asociación Pro-Hermanamientos Cristóbal García Sarmiento, creada en 2015 co fin de dar apoio e continuidade á relación cos Pobos Irmáns de Santa Fe (Granada), Palos de la Frontera (Huelva), Vila do Bispo (Portugal), Pornic (Francia), co obxectivo de estreitar lazos cos pobos irmandados, divulgar a historia de Baiona, realizar intercambios e eventos que promocionen este municipio.

Os seus restos mortais serán velados na Sala Nº 4 do Tanatorio do Miñor ata as 19:00 horas deste martes. A continuación, será incinerado na intimidade familiar. O funeral celebrarase o mércores 19 de xuño ás 16:30 horas na Igrexa Parroquial de Baiona.