O Concello de Gondomar unificará a sinalización de todas as rúas do casco urbano cunhas placas confeccionadas en mármore branco con letras en vermello. No caso dalgunhas rúas onde xa existen placas deste tipo serán retiradas para a súa restauración e posterior colocación, un proceso que xa foi iniciado. No caso das rúas onde existe sinalización noutros formatos ou materiais, estas serán substituídas por unhas novas coas características unificadas. Naquelas rúas onde non exista actualmente ningún tipo de sinalización procederase á instalación dunhas novas.
Tras os traballos de dixitalización da numeración de todos os inmobles do municipio e a instalación de placas identificativas feitas durante o pasado ano, nesta segunda fase procederase á colocación destas placas de mármore co nome das distintas rúas e avenidas, situadas nas fachadas dos inmobles. Serán un total de 23 as placas existentes que se restaurarán, 9 as que serán substituídas por ser dun material ou formato diferente, e 28 as novas que se confeccionarán e instalarán durante os próximos meses.
Ademais os edificios municipais como a Casa do Concello, Casa Peralba ou prazas históricas como a de Escolas Vellas, contarán cunha placa informativa onde se incluirán datos sobre a arquitectura ou a historia do lugar, e deste xeito dar a coñecer e potenciar o seu valor, tanto á cidadanía en xeral como a cantos visiten o municipio. Actualmente o Concello está traballando na actualización do inventario de vías e camiños municipais, e unha vez que se rematen estes traballos se procederá á súa sinalización en todos os barrios e parroquias da vila.
O alcalde Paco Ferreira sinalou que “este proxecto de sinalización das rúas do casco urbano, que posteriormente se fará extensivo a todos os barrios e parroquias, sumado ao xa rematado de dixitalización e sinalización das numeracións dos inmobles, ten como obxectivos por unha banda actualizar o GIS municipal e por outra axudar aos servizos de correos, empresas de mensaxería ou servizos de emerxencias, a poder localizar mellor calquera rúa da nosa vila, así como axudar á orientación de cantos nos visitan”.
O rexedor local destacou tamén “a importancia de poñer en valor, a través do coñecemento da súa arquitectura e historia, os edificios municipais cun alto valor histórico e patrimonial como Casa Peralba ou a propia Casa do Concello, ou prazas tan emblemáticas como a de Escolas Vellas, o que permitirá á veciñanza e a cantos nos visiten coñecer máis da nosa vila a través das placas informativas que se instalarán”.

