O Concello de Nigrán ofrece o próximo venres 21 de xuño ás 18:00 horas no Centro Social de Maiores de Vilameán un obradoiro especial para celebrar o San Xoán. A escritora Soledad García, acompañada de persoas maiores, explicará como se elabora o tradicional ramo de San Xoán de herbas medicinais co obxectivo de divulgar e preservar a cultura e as tradicións. As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na oficina de información do Concello de Nigrán ou no teléfono 986.365.000.
O evento promete ser unha oportunidade marabillosa para que nenas e nenos, adolescentes e veciñas e veciños de todas as idades de Nigrán aprendan sobre as tradicións locais e participen activamente nunha das festividades máis importantes: o San Xoán, reforzando os lazos comunitarios e celebrando a riqueza do noso patrimonio.
O Concello agradece aos participantes que traian flores e calquera das herbas tradicionais que figuran no libro “Un paseo por Nigrán” de Soledad García: árnica, codeso, fiúncho, flor da roseira, flor de San Xoán, herba luisa, herba da nosa señora, hortelá, lavanda ou esprego, loureiro, macela, malva da india, milfollas, melisa, menta ou limoada, néboda, ourego, perexil, poexo, romeu, ruda, sabugueiro, santolina, tomiño, tormentelo, follas de nogueira e de figueira, flores de xeranio…

