Sin categoría

O BNG denuncia “a nefasta xestión da Xunta” que obriga a Baiona a pagar 13.000 € para a contratación de socorristas

Dende o BNG en Baiona denuncian que “a nefasta xestión da Xunta de Galiza vén de negarlle á Mancomunidade a subvención de 26.000 € para a contratación de socorristas nas praias do Val Miñor para este verán, obrigando ás arcas municipais a facer fronte a 13.000 € de gasto para poder dar o servizo nas praias baionesas dende o 1 de xullo”.

A formación nacionalista apunta tamén que “a Xunta de Galiza vén de amosar unha total falta de consideración ao non axudar á Mancomunidade na contratación do servizo de socorristas”. “A inconsciencia do actual goberno de Rueda leva a deixar de subvencionar un servizo moi necesario nos nosos areais xa que fan atencións de primeiros auxilios, vixilancia, auxilio, información e salvan vidas”. Continúan indicando que “consideramos unha vaga escusa a de non subvencionar ás Mancomunidades de Concellos. E ao tempo unha mala xestión política xa que non axuda aos concellos pequenos como Baiona”.

“Entendemos que a Mancomunidade é un ente que pode axudar ao noso concello a ter mellores servizos e dende o BNG sempre apostamos por ela. Sen embargo, queda claro que o actual goberno galego non aposta por comarcalizar servizos, senón todo o contrario”, lamentan desde o Bloque Nacionalista Galego, que tamén denuncia “a conivencia do goberno do PP en Baiona con este grave feito, xa que non se pronunciou ao respecto a pesares de que xa pasaron varios días”. “Lamentamos que para tapar esta nefasta xestión do PP en Galiza si haxa cartos e para as veciñas e veciños que van facer diversas propostas ao Sr. Almuiña a contestación sexa que non”.