Sin categoría

A Praza de Abastos de Baiona acolle a exposición “Os cambios na nosa sociedade” do CPI de Cova Terreña

O alumnado de 1º de ESO Proxecto Competencial do CPI de Cova Terreña de Baiona elaborou a exposición “Os cambios na nosa sociedade. No camiño contra a desigualdade a través do tempo”, que quere compartir coa comunidade educativa e coa xente da vila e visitantes para que reflexionen a través da mesma.

A mostra, produto final do traballo realizado ao longo do curso, busca reflectir os cambios na nosa sociedade, especialmente poñendo de relevo os avances contra as desigualdades. Trátase dunha exposición fotográfica con imaxes dunha situación pasada e da situación actual, recreando a escena orixinal. Moitas das fotografías foron realizadas polo alumnado tras participar no proxecto “Fotografía en curso”, do Plan Proxecta da Consellería de Educación.

Algunhas composicións levan tamén o texto en inglés xa que o alumnado participa das Seccións Bilingües do centro. O acto de inauguración terá lugar o luns 17 de xuño, ás 11:30 horas, na propia Praza de Abastos de Baiona, lugar onde estará exposta ao longo do verán.