Sin categoría

Nigrán recupera a Festa do Mexillón como preámbulo do San Xoán

O Concello de Nigrán recupera este domingo 16 de xuño a Festa do Mexillón, que hai más de dez anos se celebraba como preámbulo do San Xoán. Así, grazas á colaboración da Comisión de Festas, o Concello retoma este evento gastronómico no que se ofrecerán de xeito gratuíto e a partir das 11:00 horas na lonxa do porto pesqueiro 500 kg de bivalvo cocido, ademais de viño branco e tinto. “O obxectivo é promover entre a veciñanza o consumo deste marisco que, precisamente, se cultiva nas nosas augas, e ao mesmo tempo recuperamos unha festa que anuncia a proximidade do San Xoán”, explica o alcalde, Juan González.

As tradicionais festas de San Xoán celebraranse do 23 ao 25 de xuño en Panxón, vivíndose o día grande a noite do 24 de xuño coas tradicionais fogueiras nunha edición na que estará expresamente prohibido e perseguido o feito de facer buratos na praia, polo que haberá un operativo especial de vixilancia. Diferentes orquestras poñerán ritmo ás noites do 23, 24, 25 e o día 26 se celebrará o Día do Neno. Como é habitual, a noite do 25 de xuño terá lugar a tradicional tirada de fogos de lucería desde o porto de Panxón e tampouco faltarán á cita a Coral Novos Aires de Nigrán (misa cantada do día 25) e a Banda Militar da Brilat.