A atleta da Sociedade Atlética Val Miñor Daniela Blanco conseguiu o terceiro posto e a medalla de bronce nos 800 metros lisos do Campionato de Galicia Sub-18, celebrado onte en Balaídos (Vigo).
Nunha carreira táctica, a moza soubo ler moi ben a mesma e a sabendas de que non sería unha carreira para pensar na marca, posicionouse moi ben desde o inicio, aguantando o ritmo marcado ata o final, para colgarse un bronce moi merecido, por todo o traballo realizado durante estes meses atrás. Finalmente parou o crono nestes 800 metros en 2:26.62.
Daniela, seguirá pelexando e buscando con este novo impulso que lle dá a consecución deste metal, a marca mínima para poder disputar os Campionatos de España da categoría.
Con esta nova medalla, finalizaba unha fin de semana moi boa para os intereses da Sociedade Atlética Val Miñor. Próxima parada para os seus atletas, o Campionato de Galicia da categoría Sub-14, que se celebrará o próximo día 23 na localidade de Lugo.

