Sin categoría

Navegando entre versos co alumnado do CPI de Cova Terreña

Na tarde do xoves inaugurouse na Praza do Concello de Baiona a exposición “Versos a MARes”. Nela amósanse os traballos realizados polo alumnado de 2ºB, 5ºA, 6ºA e 6ºB de Primaria e de 1ºA, 1ºB e 4ºC da ESO do CPI de Cova Terreña, das aulas nas que se desenvolve o Programa CA/AC (Cooperar para Aprender/Aprender a Cooperar), e tamén imaxes nas que se pode ver como realizaron estas actividades en equipos empregando estruturas cooperativas.

O acto de inauguración, que correu a cargo do alumnado participante no proxecto, contou coa participación do Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e da Directora do Centro, Isabel Cabaleiro. Asistiu como convidado o recoñecido e premiado autor Antonio García Teijeiro. A súa obra poética, na que o mar ten un gran protagonismo, inspirou o recitado realizado polo alumnado no que tamén incluíron versos de Luisa Villalta, Federico García Lorca e Caino Vasconcellos.

Participaron no acto máis de cen estudantes dos cursos citados, xa que foi, en palabras de García Teijeiro, “un acto no que participaron todos e todas: todo o alumnado pasou polo escenario sen selección…”. Así presentaron, bailaron, cantaron “Meu amor é mariñeiro”, fixeron un amplo percorrido pola obra de Antonio a través do recitado dos seus versos, e mesmo nos sorprenderon co recitado dunhas rimas de Gustavo Adolfo Bécquer nas linguas maternas de varios estudantes.

Os traballos que forman parte deste proxecto, realizados polo alumnado en equipos cooperativos, permanecerán expostos na entrada do Concello de Baiona ata o día 20 de xuño e poderanse visitar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.