O mércores 5 de xuño conmemorase en todo o mundo o Día do Medio Ambiente. O Concello de Gondomar súmase a esta iniciativa para concienciar da importancia do coidado da nosa contorna e do noso patrimonio natural. De 10:00 a 13:00 horas haberá un punto de información instalado na Praza Paradela onde se dará información sobre compostaxe, e se recollerán solicitudes de composteiros individuais, se repartirán gratuitamente cubos para a recollida de biorresiduos e haberá tamén unha demostración da forma correcta de separación de residuos domésticos.
Ademais haberá unha furna onde se poderán ver as cabichas que foron recollidas nos últimos meses nas rúas de Gondomar polos servizos de limpeza para concienciar da importancia de non tirar este tipo de residuos ao chan e as súas consecuencias negativas no medio ambiente. Ás 12:00 horas terá lugar a lectura dunha Declaración Institucional acordada na FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).

