Sin categoría

Baiona abre o prazo de inscrición para participar na Semana Azul 2024

Os próximos días 26, 27 e 28 de xuño, as Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas do Concello de Baiona organizan unha nova Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos “Semana Azul 2024”, na praia Ribeira como centro neurálxico. Nesta nova campaña do 2024 presenta moitas novidades e a primeira é aglutinar a mesma en tres días en xornada de mañá e tarde e onde os participantes poderán desenvolver e penetrarse en deportes náuticos como vela lixeira, pádel surf, windsurf, piragüismo, kitesurf e surf. A idea é realizar xornadas continuas onde os participantes pasarán desde as 11:00 ata as 18:00 horas realizando deportes náuticos, facendo unha breve parada ao mediodía para tomar un bocadillo e repoñer forzas (14:00 a 15:00 horas).

O programa é o seguinte:

  • O día 26 de xuño para escolares de 8 a 10 anos.
  • O día 27 de xuño para escolares de 11 a 12 anos.
  • O día 28 de xuño para escolares de 13 anos.

A Campaña conta coa colaboración de entidades como o Monte Real Club de Yates de Baiona, BayBay Surf, Baiventura Galicia, ADN Rías Baixas, Prado Surf e Coca-Cola. Esta nova campaña nace coa intención de fomentar e achegar o mar como espazo de lecer e deporte aos máis novos e tentar desenvolver un hábito deportivo entre a poboación ofrecendo a posibilidade de coñecer e dominar un espazo que pola característica xeográfica e cultural de Baiona é de vital importancia no municipio. Coa posta en marcha da Semana Azul do 2024 tamén se abre o período de inscricións para todos aqueles interesados en realizar algún curso de iniciación das actividades deportivas náuticas que para o presente período de verán ten previsto desenvolver o Concello de Baiona que son vela lixeira, windsurf, piragüismo e pádel surf.

Para maior información dirixirse ao Pavillón de Deportes Municipal, chamar ao teléfono 986 356 558 ou contactar a través do correo deportes@baiona.gal.