O equipo AMF Motorsport chegaba a unha das citas con máis competencia de toda a tempada en Pontevedra. Ademais dos habituais rivais, Meira enfrontaríase ao actual campión galego, aos mandos dun Rally2, para manter a súa serie de 15 vitorias consecutivas no Supercampionato Galego R5.
Desde un inicio, a superioridade do Rally2 quedou patente e Meira parecía abocado a pelexar pola segunda praza no Supercampionato e a terceira na xeneral, defendéndose dos ataques dos seus rivais polo título entre os R5. Con todo, na segunda pasada por Cerdedo chegaba a catástrofe e Meira picaba un pneumático do seu Fabia R5, cedendo máis de minuto e medio e caendo á sétima praza da xeneral e quinta no Supercampionato.
A partir de aí, tocaba remontar, con algo máis de medio minuto separándolle do podio no Supercampionato. Un mal tempo en Meaño complicaba aínda máis cousas onde cedía tempo cos seus rivais, para atacar nas tres últimas especiais e quedarse a menos de dous segundos de subir ao podio neste certame, terminando quinto na xeneral da proba.
Aínda que non saíron as cousas como se prevía, Meira estaba tranquilo, coñecedor de que aínda mantén un folgado liderado no Supercampionato: “Foi unha xornada que se torceu a media mañá, cando nun cruzamento toquei unha pedra que estaba escondida e piquei, facendo bastantes quilómetros. A partir de aí tratamos de remontar o que puidemos para sumar algúns puntos, pero un cuarto posto será un resultado para descartar a final de ano. Agora toca pensar xa no Carballiño para tratar de volver á senda da vitoria”.
A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o Rallye Comarca do Carballiño, que non puntuará para o Supercampionato Galego R5, pero onde estará presente igualmente o 21 e 22 de xuño.

