A escritora dos paseos do Miñor celebra o mércores 5 de xuño cun contapintacontos educativo dirixido ao público infantil. A través do seu último traballo “Versos e abellas para salvar o planeta” festexará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha sesión de pintura, xogos e divertidas curiosidades.
Soledad García continúa a súa misión de crear conciencia ambiental a través da literatura. Galardoada con catro premios literarios na primavera de 2024 é a autora dos libros DEDAS, Un paseo por Nigrán, POEMARcovida, Un paseo por Baiona, SAMAGOSTÍN, A walk in Baiona, Un paseo por Gondomar, O camiño de Perséfone, URCO unha historia reciclada e APOSIOPESE. “Versos e abellas para salvar o planeta”, en formato audiolibro, dirixido ás primeiras lectoras e lectores, é o seu undécimo traballo a prol da biodiversidade e protección da natureza.
O evento, ideal para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente cos máis cativos da casa, comeza ás 17:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán con entrada libre até completar aforo. Á entrada ao auditorio cada participante recibirá o material necesario para realizar a sesión.

