O IES Val Miñor celebrou este luns o acto de entrega do sexto Premio Muller Científica. Nesta ocasión, a galardoada é Betty León Fong, catedrática xubilada de Física Aplicada da Universidade de Vigo, e creadora do grupo de investigación Nuevos Materiales, cunha gran repercusión no ámbito, por exemplo, dos biomateriais e a súa aplicación. Ademais da súa traxectoria, tivo un papel activo durante a época de pandemia, organizando un grupo de docentes que ofreceron clases de apoio gratuítas a alumnado do Val Miñor.
Á entrega do galardón, que outorga o instituto nigranés desde 2018 para poñer en valor o relevante papel das mulleres na ciencia, asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Judith Fernández, ou a Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, entre outras autoridades e compañeiros/as.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou ao centro por esta iniciativa, “que favorece o achegamento das nenas e mozas a este ámbito, promovendo as vocacións científicas, na liña do que estamos a impulsar desde a Xunta de Galicia”, destacou. Así mesmo, fixo fincapé na traxectoria pioneira da galardoada deste ano, creadora en 1982 do grupo de investigación Novos Materiais, da Universidade de Vigo, no ámbito dos novos materiais e da ciencia e a tecnoloxía de superficie.


