O CPI de Cova Terreña celebra este xoves día 6 de xuño, ás 19:00 horas na Praza do Concello de Baiona, a inauguración da exposición “Versos a MARes”. A mostra estará situada na entrada do Concello e recolle parte dos traballos que elaborou o alumnado ao longo do curso, relacionados co mar e coa poesía.
O poeta Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil co seu poemario en galego “Poemar o mar”, será o convidado especial no acto de inauguración. En dito evento, o alumnado (case cen alumnas e alumnos de educación primaria e secundaria) fará un percorrido pola obra deste importante autor, que denominan con agarimo “o poeta do mar”.
Navegando entre os versos de Antonio, tamén se escoitarán poemas do pintor e poeta baionés Caino Vasconcellos. O proxecto “Versos a MARes” está organizado polo alumnado e o profesorado do CPI de Cova Terreña que está en formación do Programa CA/AC “Cooperar para Aprender/Aprender a Cooperar”.

