Sin categoría

Nova cita cos curros de Oia, este domingo en Torroña

Este domingo día 2 de xuño celebrarase o tradicional curro de Torroña, que este ano prevé reunir entre 500 e 550 bestas e 100 poldros. Como vén sendo habitual, esta rapa terá lugar o primeiro domingo de xuño, sendo o segundo da tempada. Desde as 9:00 horas comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Torroña (parroquia de Burgueira), a onde chegarán sobre as 11:30 ou 12:00 horas. Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

A xornada, que como todos os anos será gratuíta para o público asistente, transcorrerá co tradicional ambiente festivo que a caracteriza. Despois do curro da Valga, celebrado o segundo domingo de maio, e o de Torroña, programado para este domingo 2, a seguinte cita será o 9 de xuño en Mougás. En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.

Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.