Sin categoría

Gondomar abre o prazo de solicitude de fogueiras de San Xoán e San Pedro

A Concellería de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica do Concello de Gondomar establece as normas de seguridade para solicitar e celebrar as “Cacharelas/Sardiñadas” públicas e privadas da Noite de San Xoán e/ou San Pedro 2024. Estas mesmas normas fanse extensivas á celebración de Cacharelas/Sardiñadas, sexa a noite do 23 ou calquera outro día.

Cacharelas en espazos públicos

A celebración das Cacharelas/Sardiñadas na vía pública están suxeitas á correspondente autorización, e será publicado na páxina web do Concello antes do 23 de xuño. As persoas, asociacións, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada na súas zonas comúns, de residencia, espazo público, deberán presentar a solicitude correspondente segundo o modelo oficial, publicado na web do Concello, ata as 00:00 horas do día 20 de xuño de 2024 para as de San Xoán e ata as 00:00 horas do día 26 de xuño de 2024 para as de San Pedro, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización, así como todos os datos que constan no modelo de solicitude.

Cacharelas en terreos de propiedade privada

Para a celebración das Cacharelas/Sardiñadas en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación previa da actividade, segundo o modelo oficial que figura na páxina web do Concello, así coma no rexistro do Concello de Gondomar. Os particulares que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada en terreos de propiedade privada deberán presentar a comunicación previa, segundo o modelo oficial, publicada na web do Concello, ou ben de maneira presencial no rexistro do Concello de Gondomar ata as 00:00 horas do día 20 de xuño de 2024 para as de San Xoán e ata as 00:00 horas do día 26 de xuño de 2024 para as de San Pedro, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. da persoa responsable.