Sin categoría

A Xunta aproba o proxecto de mellora de 43 paradas de autobús en estradas autonómicas de Nigrán

O Consello da Xunta de Galicia acaba de aprobar onte o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 43 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas no ámbito das rutas de acceso polo sueste a Vigo, no concello de Nigrán, que suporán un investimento autonómico de máis de 1 M€. O Executivo autonómico tamén deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nas estradas PO-325, entre o punto quilométrico 9+330 e 14+670; na PO-552, entre o 7+470 e 12+850; e na PO-340, entre o 17+170 e 20+590, todas neste municipio pontevedrés.

A aprobación definitiva deste proxecto inclúe, tamén, a declaración de utilidade pública das intervencións no ámbito das rutas do transporte público do concello de Nigrán, pola que se dispón a urxente ocupación das 36 parcelas obxecto de expropiación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación acada os 1.266,23 m2. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé convocar o levantamento das actas previas das expropiacións no segundo semestre deste ano, para licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025.

As actuacións proxectadas inclúen a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas. Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. No eido destas intervencións, os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Con estas intervencións, o Goberno galego ten como obxectivo incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, o que fomentará a diminución do uso dos movementos de curto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de partículas nocivas de xeito gradual.

Os proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que a Xunta ten en marcha nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia, das que xa está en execución a mellora de 284 paradas. O investimento total previsto é de arredor de 35 M€. Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta de Galicia para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Plano de situación das paradas: