O Club de Ximnasia Rítmica As Estelas de Nigrán desprazouse este domingo ata Lugo para disputar o Campionato Galego Escolar Xunta de Galicia. Pola mañá competiu o equipo Infantil, que cometeu fallos graves que as afastaron dos primeiros postos. Aínda así, conseguiron un 13º posto no seu primeiro campionato autonómico. Pola tarde foi a quenda do equipo Prebenxamín, que conseguiron proclamarse subcampioas galegas no seu primeiro ano de competición. Por último, competiu o equipo Alevín, que fixo gozar unha vez máis ao grande saíndo ao tapiz con moitísima garra e forza realizando un exercicio precioso cheo de enerxía e conseguindo un 7º posto de entre máis de 20 equipos.
V Torneo Vila de Cambados
O sábado o club nigranés participou no V Torneo Vila de Cambados, celebrado no Pavillón Municipal da Senra en Ribadumia. Os equipos Alevín e Infantil Escolar e o equipo Benxamín Interescolas fixeron uns moi bos exercicios cos que conseguiron subir ao podio, cunha medalla de prata e dúas de bronce respectivamente. Doutra banda, Naia, Prebenxamín Promoción, realizou un exercicio con algún que outro falliño que fixo que rozase o podio cun cuarto posto.



