A compañía nigranesa Used World Parts e a tecnolóxica Solera España asinaron un acordo de colaboración que ten como principal obxectivo potenciar o uso do recambio ecolóxico para a reparación de vehículos en España.
Con esta alianza ambas as dúas compañías queren dar un impulso ao sector da reparación de automóbiles para que os talleres españois poidan ofrecer en máis ocasións aos seus clientes pezas de recambio procedentes de vehículos irreparables que non están danadas e que se poden aproveitar para outras reparacións. Deste xeito redúcense custos e contribúese ao fomento da economía circular, evitando as emisións asociadas á fabricación dun novo recambio.
Grazas a este acordo, a oferta de recambios unificarase a través de Used World Parts e poderase outorgar unha garantía mínima dun ano para todos os recambios ecolóxicos que se adquiran. Ademais, ao agrupar nunha mesma plataforma as referencias dos 1.600 Centros Autorizados de Tratamento (CATs) que existen en España, a peza pode estar en menos de 72 horas en calquera punto do país.
Tal e como explica Iria Álvarez, directora de Used World Parts: “o recambio ecolóxico xoga un papel crave como solución real para todos aqueles vehículos cuxa reparación resulta inasumible polo custo. Ademais, trátase dunha alternativa sostible que aposta pola economía circular e que, ao realizarse a través dun xestor especializado, ofrece total garantía ao cliente. A través da nosa plataforma verifícase que as pezas usadas sexan compatibles co vehículo específico en termos de marca, modelo e ano de fabricación, polo que os talleres asegúranse de obter a peza correcta”.
O recambio ecolóxico en España
Segundo o estudo realizado por Solera, o incipiente mercado de recambio ecolóxico en España pode alcanzar os 900 millóns de euros nos próximos anos, o que supón en torno ao 10% do que move o recambio no noso país.
Tal e como apunta, cada ano “morre” en España o equivalente ao 3% do parque automobilístico do país, é dicir, uns 700.000 coches. Oito de cada dez destes vehículos teñen máis de 15 anos, polo que as súas pezas son menos aproveitables. En cambio, 150.000 coches teñen menos de 15 anos, representando o recambio ecolóxico máis rendible.
Empregando estes recambios pódese reducir nun 15% as emisións de CO2 nas reparacións e diminuír o custo das mesmas sen minguar a calidade. Estas pezas, que convivirán no mercado coas orixinais, poderían utilizarse no 20% das reparacións en España e teñen un custo medio ao redor dun 55% inferior ao recambio novo orixinal.
Sobre Used World Parts
Used World Parts é unha compañía galega con sede no Polígono Empresarial de Porto do Molle, fundada no ano 2017, que reúne nunha mesma plataforma de e-commerce aos principais Centros Autorizados de Tratamento de Vehículos de Europa para formar unha rede de cooperación internacional especializada na venda de recambios.
A sociedade está composta por empresarios altamente profesionalizados no seu sector, preocupados por dar a coñecer a transformación substancial que tivo lugar nas súas empresas a partir das normativas europeas, apostando pola reciclaxe e a reutilización, convertendo os seus centros nun claro exemplo de economía circular.
Used World Parts traballa actualmente con 95 despezamentos españois e con 12 despezamentos europeos. O seu catálogo inclúe máis de 4,2 millóns de referencias de recambios de segunda man.
Entre a súa ampla rede de clientes en todo o mundo destacan os situados en Francia, Alemaña, Italia e Lituania.

