Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas triunfa con Owen Lightfoot na Volta a Portugal do Futuro

O Vigo-Rías Baixas está de sorte. Tras a súa vitoria nunha xornada e na xeral da Challenge Alacante Interior finalizada o pasado domingo, a estrutura presidida por José Luis Chamorro impúxose este xoves na primeira etapa da Volta a Portugal do Futuro. O británico Owen Lightfoot foi o máis rápido na resolución dunha longa escapada e vestiuse de líder en Águeda.

Na súa segunda participación na rolda sub-23 máis prestixiosa do calendario luso, o conxunto flúor logrou o seu primeiro triunfo nunha carreira que este ano alcanza a súa 31ª edición. Ademais do primeiro posto de Lightfoot na liña de meta e na xeral, o corredor de Leicester encabeza a clasificación da montaña e os pupilos de Jesús Blanco Villar impuxéronse por equipos. Un botín do máis completo que premia a valentía do conxunto olívico ao probar sorte de lonxe.

Os 140 quilómetros entre Leiria e Águeda viviron o seu momento clave practicamente despois de darse o bandeirazo inicial. A etapa empezou con dous intentos de escapada que non fixeron camiño e á altura do km 15 saltou do pelotón Lightfoot en compañía de Cristóbal Mena (Maglia Tecnosylva), do portugués Miguel Feliz (Santa Maria da Feira) e do israelí Noam Silverberg (Israel Go Pro). A vantaxe dos fuxidos non tardou en alcanzar os 3 minutos e non parou de crecer ata rozar os 10’ á altura do km 78, cando Noam Silverberg xa se descolgou.

O israelí foi alcanzado polo gran grupo, que recortou moito a diferenza, pero non conseguiu atrapar ao trío de escapados. No desenlace da etapa, Lightfoot fixo valer a súa punta de velocidade. Non só gañou, senón que no sprint final distanciouse en 1 segundo de Mena e en 4 de Feliz. O pelotón concluíu a 1’21” do ciclista británico.

O líder da xeral e da montaña defenderá as súas dúas camisolas este venres na xornada máis dura da Volta a Portugal do Futuro. O percorrido de 119 km entre Murtosa e São Pedro do Sul termina cunha subida final de 9 km ao Alto de São Macário.

Lightfoot, de 21 anos, xa contaba no seu palmarés cunha etapa desta rolda. Conseguiuna o ano pasado en Castelo Branco coas cores do Maglia Tecnosylva. Este triunfo, o primeiro desta tempada para o ciclista inglés, eleva a catro o número de vitorias da formación flúor en 2024.

VOLTA A NAVARRA

Este xoves tamén se puxo en marcha a 61ª Volta a Navarra e houbo volata na chegada a Pamplona. Catro ciclistas dirixidos por Paula Sanmartín entraron no pelotón: David González, Pelayo Alonso, Juan Hermosa e Iván Díaz. A alta montaña xa aparece na segunda xornada e a meta estará situada na cima de Bagordi, porto de 1ª categoría.