A Praia de Patos acolle o Campionato de España de surf adaptado

O Concello de Nigrán será novamente a tarde deste sábado 25 de maio sede do verdadeiro surf universal coa celebración do Campionato de España de Parasurf, evento deportivo que celebra a súa cuarta edición consecutiva en Patos. O areal acolleu hai dúas semanas o trofeo Concello de Nigrán para persoas con discapacidade intelectual de toda a comarca e agora será o escenario da competición entre os 35 mellores deportistas con discapacidade física de toda España. Aquí se xogan a súa clasificación para o Campionato Mundial en California (EEUU) estrelas como Sarah Almagro, marbellí amputada aos 18 anos de mans e pés e referencia internacional neste deporte; Daniel Muller, canario de orixe alemá sen mobilidade nas pernas; Audry Pascual, surfista madrileña sen mobilidade nas pernas e referente tamén no ski; os vascos Aitor Francesena “Gallo”, invidente e bicampeón do mundo, e Ibon Oregi, subcampión do mundo con unha soa extremidade; ou o coruñés Dani Souto, con discapacidade visual e campión de Europa. Por outra banda, tamén se celebra o Campionato Galego de Parasurf. Os deportistas compiten agrupados en diferentes categorías en mangas de 20 minutos atendendo á súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a onda sentados ou tombados…).

O evento deportivo está promovido desde Quenlla Surf Club (único club galego dedicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Fundación Bimba y Lola, Xunta de Galicia, e Concello de Nigrán con financiación a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Ademais do espectáculo na auga, os asistentes poderán gozar no bar Maui de simuladores de surf en seco en pantalla de plasma, unha exhibición de como se fabrica unha táboa, música, Dj… “Animamos á cidadanía a que veña mañá a Patos porque esta competición nos ofrece cada ano unha lección de vida e de superación. Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade ao acoller 4 dos 5 campionatos de España realizados ata agora. Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, senón a todo o ano”, explica o alcalde, Juan González.

“O deporte transmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis”, considera Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor do campionato. “Un só ten a altura deportiva dos rivais cos que se mide, e nese sentido teño aos mellores: son exemplos de superación e de vida”, explica Senén Jalda, deportista de Quenlla afectado desde a infancia cunha parálise cerebral que lle afecta á motricidade. El participará mañá no campionato despois de quedar cuarto o ano pasado, cando só levaba un par de meses practicando, polo que espera superar esta marca. Do club nigranés Quenlla estará tamén competindo Paulo Cabezas, surfista cego parcial subcampión de España.