Sin categoría

Xornada escolar de xogos populares no complexo deportivo de As Cercas

O Complexo Deportivo de As Cercas en Gondomar acolleu este xoves unha divertida xornada de convivencia na que 336 alumnos e alumnas de 4º de Primaria dos centros educativos de Fontes, Belesar e Sabarís de Baiona, Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Arquitecto Palacios, Mallón, Angel de la Guarda e Colegio Estudio de Nigrán, Igrexa de Valladares e Neira Vilas, Chano Piñeiro, Donas e Serra Vincios de Gondomar puideron coñecer e gozar con 20 xogos populares.

Acompañados de 30 profesores e profesoras, os escolares participaron nos xogos tradicionais da chave, o trompo, a ra, as bólas, o cacho, a comba, tres en raia, carreira de sacos, o reloxo, o aro, zancos, turrar da corda, o pano, o texo, o marro (a palma), bombillas, lombas (a mula), a goma, brancos e negros e os peóns.

Estas xornadas viñan celebrándose anualmente ata a pandemia, e retómanse este curso despois deste período transitorio. Coma en anos anteriores contan coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, con Protección Civil e Agua Sana, aos que lles agradecen a súa axuda.