A Garda Civil de Caldas investiga a dúas persoas como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Sobre as 22:00 horas do pasado martes 21, a Patrulla de Seguridade Cidadá de Cambados, realizan un dispositivo de control de vehículos no acceso á Autoestrada AP-9, en Caldas de Reis. Durante o mesmo, observan como no interior dun vehículo ocupado por dúas persoas, o acompañante comeza a moverse de forma nerviosa, realizando manobras para a ocultación dalgún obxecto ou pertenza polo habitáculo do turismo.
Tras comprobar a identidade de ambos os dous ocupantes, procédese a un rexistro do interior do vehículo, onde se localiza no compartimento da porta do condutor un paquete de tabaco e no seu interior un anaco de substancia sólida de cor marrón, supostamente haxix, cun peso aproximado de 1 gramo. A continuación, atópase oculto nun pequeno oco existente debaixo da radio unha bolsa transparente envasada ao baleiro, contendo no seu interior unha substancia rochosa e porenta de cor branca, aparentemente cocaína, cun peso de 100 gramos, confirmando ambos os dous que ditas substancias son cocaína e haxix.
Posteriormente realizan un cacheo superficial de ambas as dúas persoas, achando nun peto do copiloto un envoltorio plástico de cor branca, con supostamente cocaína no seu interior, de 0.25 gramos e noutro peto 930 euros en efectivo, repartidos en billetes de distinto valor. Por iso procédese á investigación dos ocupantes do vehículo, de 47 anos os dous, con domicilio en Vigo e con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública (tráfico de drogas).

