Sin categoría

Gondomar organiza dous cursos de surf gratuítos na Praia de Patos

O Concello de Gondomar quere achegar o surf á mocidade, facendo que esta disciplina deportiva sexa accesible para eles. O surf goza dunha gran aceptación por parte da mocidade e ofrece múltiples beneficios tanto físicos como psicolóxicos. Pero tamén levará aos mozos e mozas a coñecer nova xente, a gozar dun deporte en plena natureza, a descubrir os seus límites e capacidades… en definitiva a vivir unha gran experiencia este verán.

Ofértanse dous cursos dunha semana cada un deles. Do 1 ao 5 de xullo irá dirixido a dezaseis participantes de entre 15 e 17 anos. E un segundo grupo do 15 ao 19 de xullo para mocidade de entre 12 e 14 anos. En horario de mañá de 10:00 (saída do punto de encontro) ata as 13:00 horas (chegada ao punto de encontro).

O curso é gratuíto, con transporte incluído á escola de surf e de volta ao concello. De todas as solicitudes recibidas e que cumpran os requisitos de idade establecidos, terá preferencia a mocidade do concello de Gondomar. Para participar hai que descargar os anexos (páxina web do Concello de Gondomar ou solicitalos na Oficina da OMIX).

O prazo de presentación é do 27 de maio ao 7 xuño. As persoas interesadas deberán presentar a documentación no rexistro xeral do Concello de Gondomar ou a través da sede electrónica. Máis información no teléfono 986 369 746 (Oficina Municipal de Información Xuvenil).