Vilas celebra as festas de María Auxiliadora

O barrio de Vilas, na parroquia gondomareña de Morgadáns, celebra a próxima fin de semana as festas na honra de María Auxiliadora. A programación prevista comezará o venres 24 de maio coa Festa da Xuventude, que contará coa actuación dos DJ’s Fercho e Adrian Ce. O sábado día 25 a partir das 22:00 horas comezará unha gran verbena coa participación das orquestras Satélites e Triunfo.

O domingo 26 de maio ás 11:30 horas celebrarase a Misa Solemne seguida de procesión acompañada pola banda de música Unión Musical do Val Miñor, que ofrecerá un concerto ao finalizar. A continuación serán as tradicionais “poxas”, e pola tarde, ás 20:00 horas, haberá un novo concerto da Unión Musical do Val Miñor. Pola noite, a festa chegará ao seu fin coa actuación do trío Tic Tac.