Baiona asesorará ao sector servizos para cumprir as medidas de seguridade respecto ao COVID 19

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse esta mañá co presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (Feprohos), César Sánchez-Ballesteros Fernández, e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña. No encontro abordouse a creación dun proxecto conxunto no cal se vai a asesorar ao sector servizos da vila para cumprir as medidas de seguridade respecto ao COVID 19. Tamén se aproveitou para tratar outras inquietudes que preocupan ao sector de Baiona.

O Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “agradezo a ambos o seu traballo por garantir que Baiona un ano máis sexa un destino seguro e para iso poñerase en marcha este proxecto conxunto a partir do mes de maio. Todos somos conscientes de que acabamos de saír dunha situación grave e temos que traballar xuntos para conseguir a recuperación. Temos que ser conscientes de que esta recuperación vai ser gradual. E neste proceso hai un factor fundamental, que é a recuperación da confianza do consumidor, algo que nos concierne a todas e todos e no que todas e todos temos un papel que cumprir”.

Así mesmo, expresou Gómez Prado, “a recuperación no ámbito económico é complexa, depende de máis factores, pero non se pode entender sen a sanitaria”.

Xeración de riqueza e vida

Carlos Gómez Prado destacou a importancia do sector da hostalería na xeración de riqueza e emprego e na achega ao sector turístico desde o punto de vista socioeconómico, “pero tamén os bares, cafeterías e restaurantes dádelles brillo, luz e vida á localidade, aos nosos barrios, prazas e rúas, un valor fundamental que achegades”.

“Contade connosco. O Concello e o seu Goberno Municipal somos os vosos aliados naturais nos vosos obxectivos e na vosa folla de ruta como sector. Nós necesitámosvos para que a localidade estea viva e funcione. E vós necesitádesnos para que podamos canalizar e converter en realidade as vosas iniciativas e propostas do sector. Necesitámonos os uns aos outros”, subliñou Gómez Prado.