A Unidade de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (UEII), do Servizo de Aparato Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro, e a Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Vigo (ACCU-Vigo), veñen de celebrar hoxe o Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, para o que deseñaron unha serie de actividades para a difusión dos pormenores destas doenzas ao público en xeral e, en especial, ás e aos pacientes destas enfermidades crónicas.
Con tal motivo, dispúxose unha mesa informativa na área de entrada de Consultas do Hospital Álvaro Cunqueiro na que acudiron membros da asociación de pacientes ACCU- Vigo e do Servizo de Aparato Dixestivo, co fin de informar ao público en xeral da realidade destas doenzas que sofren un grupo significativo de persoas, e do manexo na vida cotiá.
Proxecto AdEII
Pero un dos actos máis transcendentes nesta convocatoria do Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal veu da man da presentación por parte da Unidade de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (UEII), inscrita no Servizo de Aparato Dixestivo do HAC, do Proxecto AdEII. Este é unha estratexia formativa de micro-aprendizaxe para a mellora da adherencia terapéutica en pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal, desenvolvida por membros desta unidade dentro dun proxecto de investigación realizado ao longo de dous anos polo Grupo Patoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Este proxecto ten como finalidade avaliar a eficacia dun programa formativo individualizado polo que os e as pacientes, a través dos seus teléfonos móbiles, acceden a información para coñecer mellor a súa doenza crónica e as pautas terapéuticas que deben cumprir para manter a enfermidade baixo control e seguir hábitos de vida saudables para frear o desenvolvemento da enfermidade e conseguir o benestar da e do paciente.
A clave desta aprendizaxe está en ofrecer contidos formativos breves (non más de 5 minutos) que incidirán nalgún aspecto salientable para que as persoas comprendan a súa enfermidade, tratamento e pautas médicas. A interacción será co dispositivo móbil a través dun boot (asistente de conversación) creado especialmente dentro da aplicación de mensaxería Telegram.
Así mesmo, existe un sistema de seguimento e recomendación pautados polo equipo médico a través de pequenos test que responderá a, ou o, paciente cada vez que finalice unha destas micro-formacións.
Esta presentación correrá a cargo das e dos responsables deste proxecto: o doutor Vicent Honradez, a doutora María Luisa De Castro Parga, o doutor Jesús Martínez-Cadilla, e o investigador da Unidade de Enfermería, Luciano Sanromán; todas eles pertencentes ao Grupo Patoloxía Dixestiva do IIS Galicia Sur e ao Servizo de Aparato Dixestivo do HAC. Así mesmo, para o desenvolvemento tecnolóxico deste proxecto participaron outros investigadores do Grupo atlanTTic, da Universidade de Vigo.
Enfermidades crónicas que precisan coidados
As enfermidades inflamatorias intestinais (EII) engloban a un grupo de enfermidades crónicas (colite ulcerosa, enfermidade de Crohn e colite inclasificada) na que existe unha resposta inmune alterada que provoca lesións de diversa gravidade no intestino e posibles danos extraintestinais (ollos, pel, sistema músculo esquelético, etcétera.).
A EII afecta predominantemente a xente nova (o 50% das e dos afectados en España teñen entre 20 e 39 anos) e caracterízase por un patrón evolutivo impredecible que alterna brotes de actividade de gravidade variable con períodos asintomáticos nos que a enfermidade está en remisión.
Por iso, un grao elevado de adherencia terapéutica, conxuntamente co seguimento dalgúns hábitos saudables (por consello médico), é crucial para frear o desenvolvemento da enfermidade e conseguir o benestar do e da paciente. Na actualidade, na Área Sanitaria de Vigo ten rexistrados 2.200 pacientes con estas patoloxías e realiza un tratamento e seguimento continuado en 1.600 pacientes ao ano.

