O primeiro tenente de alcalde e o concelleiro de Cultura e Desenvolvemento Sostible do Concello de Nigrán, Rubén Rial e Roberto Garrido, respectivamente, acompañados por membros da Federación Alcer Galicia, e Beatriz Alvariño Díaz del Río, en representación da organización da travesía a nado Costa Serena, acudiron esta mañá ao campamento para menores con enfermidade renal crónica (ERC), que se celebra durante esta fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Patos (Nigrán), e no que participan 50 nenos con idades entre 8 e 17 anos.
Ao encontro asistiron o presidente, vicepresidenta e secretario da Federación Alcer Galicia, Rafael Rodríguez Martínez, Nuria Cruz Ramos, Alfredo Saborido, respectivamente, e Mario López, membro da Federación, nadador e participante da travesía a nado, que tamén padece dita enfermidade, así como 17 persoas vinculadas ao programa Medro con Alcer, impulsado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Durante a visita ao campamento, o Concello de Nigrán e membros da organización da travesía a nado Costa Serena mostraron o seu apoio e confirmaron a colaboración que este ano estableceron coa Federación Alcer Galicia para recadar fondos para programas de atención a menores e axuda psicolóxica e nutricional de persoas con enfermidade renal da Comunidade galega.
Os participantes inscritos na XIV edición da travesía a nado Costa Serena- Gran Premio Concello de Nigrán poderán colaborar cunha achega económica no momento da inscrición ou realizar unha transferencia directamente á Federación. Actualmente, hai máis de 2.000 persoas en Galicia en tratamento de diálise como é o caso do nadador Mario López, que acode semanalmente a sesións de tres ou catro horas de duración, e máis de 4.000 en tratamento renal substitutivo de diálise e transplante.
“Animamos a todos os participantes da travesía a que colaboren coa Federación e acheguen o seu gran de area para que as persoas que padecen esta enfermidade poidan ter unha mellor calidade de vida, así como promover o deporte e a vida saudable e a doazón de órganos. Casos como o do nadador estradense Mario López, que leva esperando cinco anos o seu terceiro transplante de ril, animáronnos a impulsar esta iniciativa na XIV edición da travesía Costa Serena”, apunta Beatriz Alvariño, que lembrou que precisamente o alcalde de Nigrán, Juan González, doou o seu ril ao seu fillo en 2017.
Con este campamento que se celebra esta fin de semana en Nigrán con menores de enfermidade renal crónica búscase que os nenos/as aprendan a tomar conciencia e responsabilícense da súa alimentación, a medicación que deben tomar, os horarios e o seu tratamento. Ademais, conviven con outros nenos e nenas na súa mesma situación e aprendan a adaptarse a unha patoloxía que lles acompañará o resto da súa vida. Durante o campamento, celebráronse diversos obradoiros, actividades para os menores e as súas familias, un roteiro guiado pola natureza e unha visita ás illas Cíes.
A XIV edición da travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán celebrarase o domingo 7 de xullo en Praia América coas distancias de 800 metros, 2, 7km e 4 km, ademais dos percorridos infantís de 50 (nenos entre 5 e 8 anos) e 150 metros (nenos entre 9 e 13 anos). As inscricións estarán abertas na páxina web http://www.championchipnorte.com ata o 3 de xullo.
Percorridos
Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros, e o neopreno será optativo nas tres distancias. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada enfronte do posto de Protección Civil de Panxón. Neste percorrido, os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito.
Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.
A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas.
Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, preto da beira. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.
A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Concello de Nigrán, o Club deportivo Tumetapersonal e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Rodosa, Froiz, Centro Comercial A Ramallosa, Gadis, Avigal e Ángel Leirós Motos. Tamén colaboran Powerade, Sondeos Nigrán, El Playa Nigrán, Frutas Nieves, Arena, Club Marítimo de Panxón, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Conservas Alfageme, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Restaurante JR, Talaso Atlántico, pastelería Kami e Tupana.

