Sin categoría

Preto de 400 ciclistas desafían á choiva na tradicional marcha polo Val Miñor

Os tres concellos do Val Miñor volveron pedalear xuntos este venres para festexar a tradicional “Festa da Bicicleta”, que este ano cumpriu a súa 34ª edición desafiando á choiva que fixo acto de presenza ao longo da mañá. Nesta ocasión a marcha finalizou no Paseo Pinzón ao corresponderlle a quenda da organización a Baiona. O obxectivo, un ano máis, que sexa unha xornada festiva en toda a comarca para vivir con familia e amizades á vez que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.

Os primeiros en comezar o roteiro foron os 118 ciclistas que se deron cita na entrada do Parador, lugar desde o que iniciaron un percorrido de ida e volta, pasando por Ramallosa, para “recoller” aos 95 veciños de Nigrán no Pavillón de Panxón. De volta a Baiona, o pelotón de Gondomar, que saíu desde o Pavillón Municipal de Deportes Bernabé Costas de Miranda formado por outros 180 ciclistas, incorporouse na Ramallosa, para pedalear todos xuntos tamén pola costa cara ao Paseo Pinzón, onde se realizou o sorteo de agasallos e avituallamento.

Cada concello achegou unha bicicleta e 20 cascos para sortear entre os seus respectivos participantes. No acto estiveron presentes os alcaldes de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González, ademais do segundo tenente de alcalde de Baiona, José Ángel Bahamonde, e as concelleiras de Deportes dos tres municipios da comarca, Ana María Iglesias, Nuria Lameiro e Sara Penedo.