O Pleno da Mancomunidade do Val Miñor celebrado onte no Salón de Plenos de Gondomar, aprobou destinar 82.000 euros procedentes do remanente de tesourería do exercicio 2023 para distintos proxectos e actuacións. O ente supramunicipal destinará 18.000 euros para a realización dunha memoria co fin de valorar as obras de mellora necesarias a realizar na piscina pública da Mancomunidade que dá servizo aos tres concellos.
Aprobouse así mesmo destinar unha partida doutros 18.000 euros para a celebración do festival de música tradicional MiñorSóns, que con esta achega poderá volver a celebrarse por segunda vez tras a primeira edición celebrada no ano 2022. Outra das partidas, neste caso por un importe de 10.000 euros, destinarase a complementar o investimento no socorrismo en praias.
O pleno decidiu tamén a firma dun convenio nominativo coa Asociación La Esperanza del Val Miñor (Centro Juan María) por valor de 6.000 euros. Trátase dunha asociación de nais, pais e outras persoas que contribúen aos proxectos de vida das persoas con discapacidade intelectual e que ten o seu ámbito principal de actuación no Val Miñor.
Por último, os 30.000 euros restantes destinaranse a distintos proxectos estratéxicos para a Mancomunidade, relacionados coa Axenda Urbana 2030, relacionados coa mobilidade e o medio ambiente, sendas peonís e un paseo fluvial que una aos tres concellos.
Os tres alcaldes do Val Miñor, Paco Ferreira (Gondomar), Jesús Vázquez Almuiña (Baiona) e Juan González (Nigrán) levan traballando este ano de maneira intensa neste tipo de iniciativas e na obtención de financiamento de outras administracións para potenciar e dinamizar a comarca.

