Sin categoría

Detido un veciño do Rosal por delito contra a facenda pública, falsidade documental e usurpación de estado civil

A Garda Civil da Guarda, en colaboración co equipo EBIO de Tui, deteñen a un veciño do Rosal por delitos contra a facenda pública, falsidade documental e usurpación de estado civil. Por mor de ter coñecemento sobre unha posible fraude relacionada coas axudas aos alugueiros de persoas necesitadas iníciase unha investigación contactando co Instituto Galego de Vivenda e Chan da Xunta de Galicia confirmando a existencia dunha posible cobranza de axudas de alugueiro social de forma irregular.

O requisito indispensable para constatar que este tipo de axudas faise de forma correcta é que se consigna o número de conta da persoa que aluga a vivenda, polo que a Xunta xa ingresa directamente ese diñeiro na conta do arrendatario do piso. Desde a Garda Civil requírense os expedientes, tómase declaración ao dono da vivenda e solicítase documentación á entidade bancaria que recibía o diñeiro, esclarecendo os feitos e constatando que houbo unha cobranza irregular de axudas de alugueiro polo valor de 10625 euros, con prexuízo á administración.

Ademais constátanse varios delitos de falsificación de documentos para obter esa axuda, tanto públicos como mercantís e privados. O detido, veciño do Rosal, de 46 anos, á vez usurpaba a identidade do seu caseiro para facerse pasar por el ante a administración. Fora detido en outubro de 2023 por feitos similares de falsificación documental para a obtención dunha tarxeta de aparcamento de discapacitados.

Durante a mañá deste mércores pasou a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número UN de Tui, que decretou a súa liberdade con cargos.