Sin categoría

A Vigo Copa España atravesará Nigrán, Baiona e Gondomar

Na súa cuarta edición a Vigo Copa España estrea final, pero mantén intacto o seu compromiso co espectáculo. A carreira que organiza o Vigo-Rías Baixas exerce de novo de colofón do certame estatal e volve servir a carreira máis esixente do calendario. O club presidido por José Luis Chamorro preparou un percorrido para este domingo de 180 quilómetros, con seis portos de Montaña -dous deles de 1ª categoría- e unha chegada en subida no corazón da cidade olívica que non será puntuable.

O itinerario que arrancará ás 10:45 horas desde a Praza do Rei transcorre por 12 concellos da provincia de Pontevedra e será moi similar ao dos dous últimos anos. Despois de tomar a saída sur de Vigo e atravesar Nigrán, o primeiro coloso da xornada empezará en Baiona. Desde o km 14 ascenderase o Alto da Groba, de 1ª categoría, un porto de 9,5 km de lonxitude e unha pendente media do 6%.

A continuación, pásase por Oia e en Tomiño chega outra dificultade montañosa: o Alto de Tebra (3ª) coa súa cima no km 50. O pelotón regresará a Nigrán para encarar o Monte Alba (2ª) e tres quilómetros despois de empezar o descenso chega outro punto quente, o Premio Especial Polígono da Pasaxe en Gondomar, situado no km 78. Antes de saír dese municipio, os corredores iniciarán a ascensión a O Galiñeiro (2ª), o alto da Asociación de Montes de Vincios, que se coroa no km 82.

O ecuador da Vigo Copa España cruzarase no Porriño camiño de Tui, onde espera a segunda subida do día de 1ª categoría. O Monte Aloia, 7,2 km ao 7,9% de pendente media, acolleu este ano o final de O Gran Camiño. Alí impúxose o danés Jonas Vingegaard e nesta ocasión os protagonistas serán os mellores ciclistas Elite e Sub-23 do panorama estatal.

Superado o Aloia, no km 109, a carreira dirixirase ao interior de provincia. Ponteareas, Mondariz e Pazos de Borbén ofrecen un terreo rompepernas coa ascensión ao porto da Fonte dos 100 Anos (2ª) como última subida puntuable. Desde a pancarta de Premio de Montaña restarán 20 quilómetros para a conclusión e pasando por Redondela accederase de novo a Vigo para afrontar o tramo máis novo nesta edición.

Os cinco últimos quilómetros serán totalmente urbanos. A cidade máis grande de Galicia paralizarase para asistir ao esforzo final dos corredores pola Avenida de Buenos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Colón, Urzáiz, Venezuela e Paseo dos Cedros, no Monte do Castro. Un final inédito na Copa de España e agónico. Case todo o último quilómetro realízase en subida. A chegada a meta, no horario máis rápido, está prevista para as 15:30 horas.