Sin categoría

Alberto Meira colleita a segunda posición nun trepidante Rallye Mariña Lucense

O equipo AMF Motorsport desembarcaba en Viveiro para disputar a cuarta cita do Campionato Galego de Rallyes, tamén puntuable para o Supercampionato R5. A pesar dunha inscrición algo máis reducida, os rivais eran de alto calibre, polo que Alberto Meira tiña claro que había que saír ao ataque desde o inicio.

No primeiro tramo, o de Vincios lograba un soberbio scratch entre os R5 endosando 7 e 10 segundos respectivamente, aos seus máis inmediatos perseguidores. Sen poder pelexar o triunfo absoluto fronte ao superior WRC, Meira viuse sorprendido o resto da matinal polo ritmo dos seus rivais, cedendo o liderado do Supercampionato por 5 segundos chegados ao ecuador da proba.

A tarde non deixaba marxe ao erro, pero unha penalización atrasaba ao seu principal rival, así que Alberto Meira e Avelino Martínez tiveron que controlar os ataques do seu outro adversario, para impoñerse novamente no Supercampionato e asegurar a segunda praza do podio absoluto, por unha estreita marxe de 7 segundos. A pesar de só realizar un scratch de oito posibles, a regularidade do equipo durante toda a xornada fixo posible este novo éxito.

Meira mostrábase contento tras salvar unha xornada francamente dura: “Foi un día moi complicado, os rivais correron moitísimo. Hoxe Berdomás chegou a ir diante e creo que se non tivese a penalización posiblemente gañase el. Quero darlle ánimos a el e a Brais e a todo o seu equipo porque fixeron un traballo sensacional e tamén a Jorge, que nos puxo as cousas difíciles ao final. Quero agradecer a todo o equipo o seu traballo e aos patrocinadores o seu apoio carreira tras carreira”.

A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o Rallye de Pontevedra, quinta proba da tempada, que se disputará o 31 de maio e 1 de xuño.