O Concello de Nigrán dispoñerá nas vindeiras semanas de catro novos aseos accesibles nas súas principais praias urbanas: Praia América-Lourido, Panxón e Patos. Con este obxectivo o consistorio investirá 67.276 € nesta proposta realizada polo Centro Juan María e encadrada no programa municipal “Un Nigrán para Todos” e que supoñerá que o 100% dos aseos públicos de Nigrán sexan accesibles. O obxectivo é mellorar a experiencia dos usuarios con problemas de mobilidade, xa que estes catro que se cambian eran os únicos que non cumprían con este requirimento. Igualmente, realizarase unha reparación integral de todos os demais.
“Estas son praias urbanas onde resulta aínda máis fundamental facilitar este servizo básico ás persoas con problemas de mobilidade, porque ademais, a priori acoden a este tipo de areais precisamente para evitar dificultades engadidas”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que repercutirá, adicionalmente, “na calidade turística e na imaxe da zona”. En concreto, o Concello substituirá os únicos catro non renovados no ano 2016 e non accesibles para colocar os devanditos exactamente no mesmo punto: en Patos ao carón das escolas de surf; en Panxón á altura das pistas de tenis; en Praia América á altura do número 58 e outro no gran aparcadoiro de terra.
Todos serán dunha estética moi similar aos actuais, con finalizado en madeira. O que se sitúe en Praia América (aparcadoiro) estará dotado de cinco aseos (dous para cada sexo e un accesible de uso mixto) mentres que os restantes serán cun aseo accesible de uso mixto e outro simple. “Neste municipio camiñamos cara a plena inclusión das persoas con discapacidade física ou sensorial, neste eido buscamos a excelencia, non nos conformamos”, resume o rexedor.

