Sin categoría

Foliada e concerto esta fin de semana en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 11 no muíño de Porto do Molle a partir das 20:00 horas unha foliada coas Pandereteiras do Sobreiro e a actuación “De ramo en ramo”, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña (este é o seu primeiro traballo discográfico conxunto, cun amplo repertorio tradicional que xira en torno á figura da muller). As miñoranas Pandereteiras do Sobreiro xa actuaron con gran éxito na inauguración do muíño o día 20 de abril ao ter arranxado un tema facendo mención ex-profeso ao devandito muíño.

Pola súa banda, o domingo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas da coral anfitriona Novos Aires de Nigrán e a invitada Os Penediños (Atios).

A programación polas Letras Galegas continúa o martes 14 e xoves 16 na Biblioteca Municipal de Nigrán a partir das 18:00 con contacontos infantís (“A orixe”, de Raquel Queizás e “Contamos en Igualdade”, de Eduvía, respectivamente).