Arranca o show da 44 CUP en Baiona

Arranca o espectáculo da 44 CUP en Baiona. Este xoves, a partir das 12:00 horas, os nove RC44 que se xogan o prestixioso circuíto internacional escoitarán o pistoletazo de saída para unha proba que se celebra por primeira vez nas Rías Baixas impulsada polo Monte Real Club de Yates e Turismo de Galicia.

Todo apunta a que as condicións serán de ventos suaves, duns seis ou oito nós de intensidade, suficiente como para que estes Fórmula Un do mar fabricados en fibra de carbono dean o seu cento por cento no campo de regatas.

“Son barcos lixeiros, que navegan ben e con cinco nós de vento xa podemos regatear sen problemas.”, afirma a Oficial principal do evento, María Torrijo, que engade: “Ademais son moi competitivos, van todos á mesma velocidade co cal son regatas moi emocionantes haxa pouco ou moito vento”.

Os nove equipos participantes contan entre as súas tripulacións con algúns dos mellores regatistas do mundo tanto en vela de cruceiro como oceánica, olímpica e Copa América. O italiano Vasco Vascotto, que acumula máis de 25 títulos mundiais no seu haber, o medallista británico Ian Percy ou o regatista oceánico cántabro Pablo Arrarte son algúns dos nomes máis coñecidos que esta semana pelexarán por levar aos seus equipos ao máis alto da clasificación.

O equipo monegasco Team Nika, do búlgaro Vladimir Prosikhin, conta con Nic Asher como táctico, quen xa visitou Baiona hai dous anos na 52 SUPER SERIES, e é o que chega ás Rías Baixas como líder do circuíto tras proclamarse vencedor da primeira proba disputada en Lanzarote hai dous meses.

Outro dos grandes rivais a bater é o Charisma de Nico Poons, que representa tamén ao principado de Mónaco e é o equipo que ostenta o título final do circuíto das dúas últimas tempadas. A bordo, Poons conta co estadounidense Andy Horton á táctica, quen acumula máis de dez anos de experiencia na clase e que pelexará, sen dúbida, por levar ao seu equipo ao máis alto da táboa en Baiona.

Team Ceeref Vaider, de Igor Lag, Aleph Racing de Pietro Papagaio, Península Racing de John Bassadone, Team Aqua de Chris Bake, Artemis Racing de Torbjorn Tornqvist, Black Star Sailing Team de Christian Zuerrer e o español Calero Sailing Team de Daniel Calero completan a listaxe de equipos que pelexarán en augas das Rías Baixas polo segundo título da tempada e a gran cita do ano no calendario de regatas de Galicia.

Este mércores, tras os últimos preparativos en terra, os nove botáronse á auga para disputar tres probas de adestramento no campo de regatas situado fronte ás illas Cíes. En palabras de Torrijo, “con este tempo tan bo esperamos un vento térmico os primeiros días que entrará un pouquiño máis tarde, o mellor campo é o que está fronte ás illas Cíes porque aí se encañona un pouquiño e teremos mellores condicións. Os demais días poderiamos usar o que está enfronte do Parador”.

E non se equivocaron os partes. Ao redor das 14:00 horas, o Comité de Regatas puido dar a saída para a primeira das dúas probas de adestro con vento de compoñente noroeste de entre seis e oito nós de intensidade, suficiente como para que os RC44 ofrecesen todo un espectáculo na ría de Vigo.

Unha vez finalizadas as probas, o Monte Real inaugurou o village da 44 CUP Baiona 2024 con produtos galegos de man de Galicia Calidade. O village será o punto de encontro de regatistas e armadores ata o domingo, cando se poñerá punto e final á cita coa entrega de trofeos ás 17:00 horas.

A esperada competición arranca este xoves a partir das 12:00 horas coa disputa das primeiras probas puntuables para a clasificación xeral. En total, o Comité poderá completar ata tres mangas por día, que poderán seguirse en directo e de forma virtual a través do tracking, dispoñible nesta ligazón.