O CPI de Cova Terreña está a celebrar a IV Semana da Ciencia, un encontro que vai collendo sona entre a comunidade educativa e ano tras ano non deixa de medrar. Nela participan todos os niveis educativos, dende Infantil e Primaria ata Secundaria e serve de escaparate para amosar os diversos traballos realizados ao longo do curso. A Ciencia, fío condutor da exposición, está presente en múltiples disciplinas e en diferentes formatos.
Ao longo de nove días (do 22 ao 30 de abril), os diferentes grupos van pasando polo Salón de Actos do centro para poder experimentar e desfrutar dos diferentes postos. Haberá unha xornada de portas abertas o luns 29 de abril, de 16:00 a 18:00 horas, para que as familias poidan achegarse aos produtos elaborados dentro de distintos Plan Proxecta nos que participa o centro, así como dos Contratos Programa.
O que máis está a chamar a atención, tanto entre a rapazada como entre o persoal do centro, é a cámara escura. Este invento, documentado en textos anteriores a Cristo, permite obter unha proxección dunha imaxe a cor, sendo a precursora das nosas cámaras fotográficas. Só precisa unha sala escura e unha cartolina cun pequeno orificio a través do cal pasa unha pequena cantidade de raios de luz.
As novas tecnoloxías tamén están presentes, grazas á radio escolar, coa que se pode gravar un podcast coa colaboración do alumnado de Dixitalización. A impresora 3D, que traballa arreo para fabricar pequenos agasallos para os visitantes, segue a achegarnos unha tecnoloxía que xa está a revolucionar o noso día a día.
O coidado do medio natural, co uso de enerxías renovables, está presente a través de varias maquetas que representan as distintas fontes de enerxía respectuosas e non contaminantes, nas cales nos deberemos apoiar de cara o futuro.
Por outra banda, o estudo do corpo humano adoita ter un papel importante pola proximidade do tema e a súa presenza no currículo de diversos niveis educativos. Dende as maquetas do aparato respiratorio e dixestivo ata as representacións da célula coas súas partes, podemos visualizar estas estruturas, ás veces difíciles de imaxinar. O estudo estatístico das probas DAFI, nas que participa o noso alumnado, tamén se pode consultar.
O mundo da literatura está presente coa mostra de diversos libros de Jules Verne, gran adiantado ao seu tempo. Podemos albiscar na súa obra a súa visión futurista que representou, xa no século XIX, do día a día da sociedade. Moitas veces aproximouse tanto á nosa realidade que resulta difícil non sorprenderse. As linguas completan a súa participación cun estudo espectrográfico da voz que nos dá as claves de diversos fonemas.
O estudo da Prehistoria, elaborado polo alumnado de 6º de Educación Infantil, coa inestimable colaboración das familias, chama tamén a atención pola súa complexidade e minuciosidade. Dende unha mostra de pinturas rupestres nunha cova a escola ata diversas maquetas e cartelería que nos explican a maneira de vivir dos nosos ancestros.
A meteoroloxía, moi presente no centro en todas as etapas educativas, está representada a través de varias maquetas de instrumentos meteorolóxicos. Asemade, as fotografías achegadas ao Concurso de fotografía meteorolóxica que se celebra por cuarto ano consecutivo, tamén están expostas para o desfrute dos visitantes.
O departamento de Física e Química sorpréndenos con diversos experimentos que chaman a atención pola súa vistosidade: como limpar moedas ou empregar unha col lombarda como un indicador de pH son algúns deles. Outros departamentos e niveis educativos tamén están presentes, a través dos xogos elaborados con material de refugallo, das maquetas das árbores autóctonas ou do estudo da contribución de diversas mulleres á Ciencia.
Como xa vén sendo habitual, a lingua vehicular da mostra é o galego. Con esta medida pretenden poñer en valor a súa utilidade á hora de transmitir coñecementos científicos.
A exposición non pretende ser só unha canle de difusión dos traballos realizados, senón que serve tamén como un foco de novos coñecementos. A tal fin, os visitantes teñen á súa disposición cuestionarios adaptados ás distintas etapas educativas da escola e en diferentes formatos. Pódese acceder á versión dixital a través de códigos QR. Entre todos, conseguimos deste xeito achegar a Ciencia a todos os visitantes e, quizais, espertar unha chispa que lle permita encamiñar o seu futuro.




