Ardelume de Baíña actúa no Luar

O Grupo de Integración Ardelume de Baíña foi o encargado de abrir este venres o programa “Luar” da Televisión de Galicia, presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez. A trintena de integrantes interpretou o tema “Xota do Monte Trega”, composto por Raquel Castro González (membro de Ardelume). Trátase dunha homenaxe ás terras da Guarda, onde soan as voces e instrumentos da Integración. “Pasámolo xenial e foi unha experiencia moi bonita”, sinalaron desde a agrupación.

O videoclip da canción foi presentado o pasado mes de febreiro na Guarda e Nigrán. O seu Mestre é Samuel Soto, membro de formacións como Sondeseu e Ardentía, que se encargou da gravación de audio acompañado do Mestre Suso Feixón (Pelepau). Coas colaboracións de Xurxo Jachía (Xistra), Ramón Pazos (Abóbriga) e de Diego Bea Besada na gravación do vídeo. Tamén colaborou o grupo de baile Xamaraina Guarda.

Ardelume Grupo de Integración é unha formación tradicional onde a maioría de membros son diversos funcionalmente. Conta co respaldo da Asociación co mesmo nome situada en Baíña (Baiona) baixo a Presidencia de Pilar Rodríguez e, con dez anos de existencia.