Falece un motorista de 21 anos tras chocar contra un coche en Gondomar

FOTO: CRTVG // Estado no que quedou a moto.

Un mozo motorista de 21 anos natural de Gondomar perdeu a vida tras chocar contra un coche en Mañufe. Ao redor das 00:10 horas, o 112 Galicia foi coñecedor do suceso despois de que un particular chamase para informar de que vía a un home tirado sobre a calzada, aparentemente inconsciente, despois de escoitar o ruído que provocou o accidente.

Sen esperar, os xestores do 112 Galicia informaron do sucedido aos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaron en ambulancia ata o quilómetro 18 da PO-340, lugar onde se produciu a colisión. Con todo, nada puideron facer pola vida do motorista.

Ademais dos profesionais das urxencias sanitarias, tamén se desprazou ata o punto unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da vía. O condutor do coche, de 26 anos e tamén de Gondomar, foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro. A Garda Civil confirma que deu negativo nas probas de alcol e drogas.