A Escola de Verán do Concello de Baiona cumpre 15 anos ampliando a súa duración

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para solicitar praza para participar na Escola de Verán 2024. Este ano cúmprense 15 anos da posta en marcha deste programa e o Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, dando resposta ás demandas das familias, amplía a duración da escola iniciándose a partir do día seguinte en que finaliza o curso escolar. Desenvolverase desde o luns 24 de xuño ata o 31 de xullo no CPI Cova Terreña e CEP Sabarís en horario de 8:00 a 15:00, salvo festivos. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:00 horas) e no horario de saída (de 14:00 a 15:00 horas) sempre que se sinale na solicitude. Ofértanse 120 prazas. A Escola de Verán está dirixida a nenos e nenas nacidos entre o ano 2012 e 2020.

Iniciouse no ano 2009 como experiencia piloto no CPI Cova Terreña ofertando 40 prazas, co obxectivo de promover a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo, de lecer e entretemento para nenos e nenas do municipio, favorecendo o seu desenvolvemento integral. No ano 2010 ampliouse ao CEP Sabarís. Desde entón ata o de agora veuse desenvolvendo nos dous centros escolares durante todo o mes de xullo. Ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida de acordo co artigo 8 da convocatoria, do venres 26 de abril ao venres 10 de maio ambos os dous incluídos, no Rexistro Xeral do Concello de Baiona de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona. No caso de solicitudes presentadas pola sede electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes ata o venres 10 de maio. A Escola de Verán do Concello de Baiona está cofinanciada polas familias participantes, o Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan +Provincia.

As bases que rexen a convocatoria pódense recoller no Rexistro Xeral do Concello de Baiona ou descargalas da páxina web do concello. Para máis información poden contactar no 986 357 554 / 986 357 552 ou solicitar a documentación a través de correo electrónico na dirección administrativo.cim@baiona.gal.